Friday 05 de July de 2024

Medio Rural aclara o asunto dos desprazamentos para atender hortas


AVISO IMPORTANTE: Medio Rural publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia unha aclaración sobre os desprazamentos para manter hortas e cultivos.

Os labregos e labregas profesionais -e tamén quen teña gandeiría e viva diso- poden seguir movéndose para facer os traballos que require a súa actividade.

Porén, quen teña unha horta para autoconsumo afastada da casa só poderá desprazarse para atendela un máximo de 500 metros desde a súa vivenda habitual. Ademais, o DOG establece que para acreditar a necesidade do desprazamento haberá que presentar o carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios.

En ningún caso poderá haber máis de dúas persoas na leira, que deberán respectar en todo momento as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención.

A orde publicada hoxe tamén recolle a prohibición de celebrar ata o 31 de marzo -con posibilidade de prórroga- dos mercados de venda directa de produtos agrícolas e gandeiros, aínda que se se autoriza esa venda por medios alternativos como a venda telefónica, a realización de pedidos en liña ou similares, servidos polo produtor no domicilio do consumidor.

Nesta restrición non entrarían os establecementos especializados na venda de flores, plantas, sementes, fertilizantes -que poden seguir abertos- e que, ao abeiro da orde, tamén poderían subministrar a domicilio produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais. En calquera caso, tanto para os vendedores ambulantes como para quen acuda mercar planta ou semente, o desprazamento ha de acreditarse co carné básico de aplicación de produtos fitosanitarios.